viernes, 16 de diciembre de 2011

os suevos 1

Fai mil seiscentos  anos que chegaban á Gallaecia os suevos, despois de atravesar o río  Rin.
  Procedían dun pobo xermánico do Báltico, que foi baixando ata o territorio do que hoxe é a Suabia na Alemaña, tiñan amplas relacións cos celtas e cos romanos. A súa presenza na Gallaecia atlántica (conventos de Braga, Lugo e Astorga) foi resultado dun reparto por Roma das provincias occidentais entre suevos, vándalos e alanos.
Despois do abandono da península polos vándalos e alanos, os suevos acadaron baixo Ermerico e Reckila moito protagonismo, o que consolidou ao reino da Gallaecia (o primeiro despois da ruptura do Imperio Romano). O sucesor deste último, Reckiario, fixo unha alianza cos visigodos, e acuñou moeda propia, o que amosa o grao de soberanía que tiña conseguido. Sería derrotado polos visigodos, chamados por Roma, na batalla do río Orbigo no ano catrocentos cinconta e seis. Aínda que figuras do momento, como Idacio, xa daban por morto o reino, o certo é que se recuperou, ate que no cincocentos oitenta e seis foi conquistado polo rei visigodo Leovixildo. Porén con este feito semella non rematou a súa existencia. A Crónica Blicarense dinos encol da celebración do III Sínodo de Toledo (cincocentos oitenta e nove) “no ano IV do Rei Recaredo reuniuse o Santo Sínodo dos bispos de toda España, Galia e Gallaecia”. O Papa Gregorio Magno nunha carta a Recaredo diríxese ao “rei dos godos e dos suevos”. A identidade diferenciada non desaparece coa conquista visigoda.
Os suevos deixaron unha forte pegada na Galiza en aspectos como a división administrativa do territorio, a adhesión ao catolicismo e a loita contra o panteísmo e os seguidores de Prisciliano (Concilios de Braga en cincocentos sesenta e un, e cincocentos sesenta e dous). Destacan nesta etapa reis como Miro, e relixiosos como Idacio, Martiño e Paulo Orosio; así como Exeria, unha monxa que se pode considerar a primeira escritora galega.

No hay comentarios:

Publicar un comentario